O Concello oferta un curso de monitor de tempo libre e un ambiental
26.02.2011 A concellaría de Educación e Benestar Social do Concello de Padrón promove a realización dun curso de monitor de tempo libre co obxecto de capacitar, por unha banda, aos compoñentes do grupo de voluntariado local que terán prioridade na matrícula e, por outro, a todas as persoas maiores de 18 anos e que, con título de graduado de ESO ou similar, estean interesadas en realizar as funcións propias do devandito perfil profesional.

Así, ábrese a posibilidade de acceder a postos laborais mesmo nos servizos de proximidade, como son os de xantares nos centros escolares ou en campamentos, entre outros exemplos.
A acción formativa consta dunha parte teórica de 200 horas de duración, que será impartida en horario intensivo de venres pola tarde e sábado.
O número total de prazas dispoñibles é de 25 e o prezo da matrícula, 100 euros, que non cobre o custo real do curso. A pesar diso, esta actividade é unha «aposta» da concellaría de Educación e de Benestar Social e do seu titular, Manuel García Pereira, para en momentos de crises favorecer o acceso á formación complementaria do sector máis novo.
Educación ambiental
Por iso, a concellaría solicitou unha subvención á Deputación da Coruña e á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que, xunto coa achega do Concello, financian o 70% da matrícula do curso. A inscrición está aberta até o 11 de marzo nas oficinas do centro de Servizos Sociais.
Por outra banda, o Concello tamén promove un programa de educación ambiental que comezará o vindeiro sábado e que tratará de promover a sensibilización, coñecemento e coidado da contorna natural por parte dos padroneses. A inscrición neste curso ambiental é totalmente gratuíta.
La Voz de Galicia: 26/02/2010






