Padrón insta ó Sergas a mellorar xa o centro médico
30.10.2010 O pleno ordinario do Concello de Padrón, celebrado na tarde-noite do xoves, debateu nada menos que dez mocións, seis delas do grupo de goberno PSOE-CIPa, unha do PP e tres do BNG.
De feito, a quenda das mocións centrou a maior parte da sesión, que careceu doutros puntos de relevancia.

Entre as propostas aprobadas está unha do goberno municipal referida á necesidade de que o centro de saúde de Padrón dispoña dun coagulómetro ou, como é coñecida popularmente, máquina do Sintrom. De acordo cos datos achegados por PSOE e CIPa no pleno, o servizo de saúde da capital do Sar atende a uns 200 usuarios do municipio no prazo de 3 a 4 semanas, para recibir a súa correspondente dose de Sintrom, un tratamento que, posiblemente, «será para sempre e co agravante que ou número de pacientes aumenta considerablemente debido ao incremento de doenzas cardíacas», din.
O goberno padronés explica que a «asistencia masiva de anticoagulados» ao centro de saúde débese ao alto custo dos medios para «regular a súa doenza» e dá un exemplo: 24 tiras reactivas custan 100 euros mentres que un coagulómetro portátil máis de 700 e non é fácil «atopalo na botica», di o executivo local. Por iso, o pleno acordou instar ao Sergas a dotar ao centro de saúde padronés do devandito aparello e, con iso, equipararse a outros servizos próximos, como Rois, que xa dispón do mesmo, tal e como lembrou o alcalde Camilo Forján.
Neste sentido, o concelleiro do BNG Xoán Santaló engadiu que o centro de saúde padronés non só está necesitado da máquina do Sintrom senón tamén doutro material básico, entre o que mencionou vendas. O PP abstívose neste punto porque cre que, antes de ir a pleno a solicitude, esta deberíase remitir á Consellería de Sanidade.
Máis debate xerou outra moción do executivo padronés, neste caso relativa ao pantalán e as ramplas de acceso do porto fluvial da Ponche. O goberno municipal denunciou non só o «estado de deterioración» que presenta ditas instalacións, senón tamén a «deixadez» dos organismos competentes para o seu arranxo. É máis, o tenente de alcalde Eloy Rodríguez quixo deixar ben claro que a Xunta fai caso omiso» das reivindicacións do Concello neste ámbito até o punto de que, no caso do organismo autónomo Portos de Galicia, nin sequera ten a «educación» de recibir ás autoridades padronesas a pesar dos insistentes escritos. Eloy Rodríguez asegurou que A Ponche necesita dous pantaláns, tal e como quedou demostrado este verán, xa que uno só é insuficiente polos miles de turistas que chegan a Padrón pola vía fluvial do Ulla que, na súa opinión, hai que «fomentar».
Por iso, o goberno local quere que Portos de Galicia repoña o segundo pantalán que estaba situado na rampla da empresa Finsa. PP e BNG abstivéronse na votación porque, a pesar de estar de acordo co «fondo» da moción, consideran que o goberno municipal «mestura» as competencias sobre o pantalán e as ramplas.
Outra moción de PSOE e CIPa aprobada, e que tamén presentou o BNG, referíase a pedir á Xunta a manter o servizo de Noitebús. Ademais, todos os grupos da corporación secundaron outra proposta, inicialmente formulada polo goberno municipal, que se pronunciou en contra da violencia de xénero.
FUENTE: LA VOZ DE GALICIA






